Adolescencia e TIC. Riscos evitábeis: O “sexting”

O uso intensivo das TIC, en calquera das súas modalidades, presenta retos socioeducativos tanto no ámbito familiar como no escolar que é preciso resolver a través de formación e información adecuadas.
imSexting-300x225.jpg

Os adolescentes de hoxe naceron inmersos nas TIC, son o que se chama nativos dixitais. Non conciben o mundo afastados do móbil e sen comunicarse a través das redes sociais, especialmente, no caso ibérico,o Tuenti, sen desbotar o Facebook, o Twitter e outras redes de menor presenza.

Algúns estudos indican que o inicio no uso de internet entre os xoves está nos dez anos e que a metade desta rapazada utiliza diariamente esta ferramenta. Tamén se calcula que a este hábito, que forma parte xa do seu día a día, dedican de media unhas dúas horas diarias, sendo a descarga de arquivos, a busca de información para os estudos e as redes sociais as súas actividades preferentes. Estas últimas son, tamén, as máis temidas polos pais e polas nais que ven como os seus fillos e as súas fillas se comunican con outros adolescentes a través de canles descoñecidas para eles e sobre as que teñen, na maior parte dos casos, moitas prevencións e ningún tipo de control.

Pais e nais son conscientes da necesidade de abordar tanto desde o ámbito familiar como das institucións publicas a formación en materia dixital como unha prioridade, até o punto de que máis do sesenta por cento dos pais e nais consideran que tan importante como manter con eles unha conversa sobre saúde sexual é falar con fillos e fillas sobre a seguridade en internet, especialmente sobre todo o que ten a ver coa privacidade.

Nas redes sociais o limite entre o que é público e o que non o é parece, moitas veces, diluírse e é aquí onde os adultos deben facer fincapé á hora de educar os menores, pois eles non son conscientes das implicacións que a longo prazo pode supor compartir contidos online e que antes de publicar algo deben pensalo moito, pois unha vez publicado perdemos o control sobre o mesmo e non sabemos a onde pode ir parar e que uso se lle pode dar.

Un exemplo disto é o chamado “sexting” termo anglosaxón formado sobre as palabras “sex” e “texting” e que alude á difusión ou publicación de contidos, especialmente fotos ou vídeo, de contido sexual, mais non necesariamente pornográfico, que é producido polo propio remitente e que é enviado a outros por calquera dispositivo.

Segundo un estudo do INTECO (www.inteco.es) un catro por cento de menores entre dez e dezaseis anos recoñece terse feito fotos ou vídeos en posturas “sexy” co móbil. Unha situación típica soe ser a dunha adolescente que utilizando o móbil envía ao seu mozo, simplemente para coquetear con el, fotos nas que aparece en actitude provocativa. Ela faino de maneira voluntaria, sen que ninguén a incite nin presione, mais non sabe o uso que o destinatario fará desas fotografías. O seguinte video reproduce un caso típico de sexting