A lectura en soporte electrónico (ERA) no informe PISA 2009

España sitúase no posto 14 de 19. Corea do Sur lidera a táboa xeral con 568 puntos, o que quere dicir que o alumnado coreano se sitúa,como media, nun nivel 4 (de cinco niveis) en lectura dixital. En Europa, as mellores medias corresponden a Islandia (512), Suecia (510), Irlanda (509) e Bélxica (507). Por baixo de España (475 puntos) sitúase Polonia, Hungría, Austria, Chile e Colombia.
biblioteca

No informe PISA 2009 desenvolveuse unha nova opción para os países participantes: a Lectura de Textos Electrónicos, ERA, nas súas siglas en inglés (Electronic Reading Assessment), que pretendía avaliar a comprensión lectora do alumnado neste formato de comunicación. Só 19 Estados participaron nesta pioneira opción (do total de 65 en 2009), entre eles, o Estado Español. O estudo permite comparar os resultados na comprensión lectora sobre textos impresos e textos electrónicos no mesmo alumnado. ERA trata de avaliar a lectura nun contexto dixital, non se limitando, pois, a un simples exercicio de avaliación da comprensión impresa a través do computador. Con todo, existen elementos comúns nos textos dun e outro formato pois ler é esencialmente construír significados a partir da linguaxe escrita.

Os resultados acaban de ser publicados neste mes de xuño, tal como estaba previsto.

 

No cuestionario utilizado pregúntase ao alumnado polo que teñen como costume ler en medios electrónicos ou dixitais. Recóllense as seguintes actividades:

  • Ler correos electrónicos (e-mails).
  • Chatear (p. ex., Messenger®).
  • Ler as noticias por Internet.
  • Utilizar un dicionario enciclopedia por Internet (p. ex.,Wikipedia®).
  • Buscar información por Internet para saber dun tema concreto.
  • Participar en debates ou foros por Internet.
  • Buscar información práctica por Internet (p. ex., horarios, espectáculos, consellos, receitas).

Publicados os resultados, podemos comprobar, dunha parte, até que punto a lectura no medio electrónico facilita a execución práctica do marco de PISA en comprensión lectora e, doutra parte, como se relaciona a comprensión dos textos en ambos os formatos, como actúa e como interfire ou axuda o medio electrónico respecto ao impreso no desenvolvemento da competencia lingüística.

Á falta dunha lectura máis interpretativa podemos indicar que España obtén 475 puntos en comprensión lectora en formato dixital, 24 puntos por baixo da media dos países da OCDE que participaron na Avaliación da Lectura de Textos Electrónicos que forma parte do estudo PISA 2009 para estudantes de 15 anos. Esta proba, voluntaria, pretendía medir o rendemento dos alumnos no acceso, comprensión, valoración e integración de textos electrónicos nun espectro variado de contextos e actividades de lectura e foi asumida por 19 dos 65 países participantes en PISA 2009.

En concreto, e no que a resultados se refire, o 23 por cento do alumnado español ten un nivel moi baixo en comprensión lectora dixital (nivel 1 e inferior), o 25 por cento sitúase no nivel aceptábel de rendemento (nivel 2) que implica que o alumno pode localizar e interpretar información ben definida en contextos habituais para el. No nivel 3 atópase o 30 por cento dos participantes españois, que son capaces de integrar información procedente de varios sitios web e de xerar categorías simples cando a información non está guiada. No nivel 4 sitúase o 17 por cento e o 4 por cento no nivel 5.

ERA 2009 tamén permite a comparación do rendemento do alumnado en lectura dixital e en lectura impresa, xa que unha submostra dos alumnos e das alumnas que fixeron a proba en papel tamén a fixeron por computador. Nos países nórdicos europeos, como Islandia e Suecia, en Oceanía (Australia e Nova Zelandia) e en Corea do Sur, os alumnos renderon máis en lectura dixital que en lectura impresa. No resto dos países participantes, o seu resultado foi máis baixo na lectura electrónica. Así ocorre en España, que queda un pouco por baixo na dixital (475) que na de papel (481). Se vemos esta comparación por niveis de rendemento, en España redúcese a porcentaxe de alumnos nos niveis máis baixos (1 ou inferior) en lectura dixital, e increméntase a porcentaxe distribuída nos niveis intermedios (2 e 3). 

PISA-ERA mostra tamén que a proporción de alumnos que teñen ordenador na casa aumentou nos últimos anos: os países participantes no informe pasaron do 75 por cento de media que mostraban no ano 2000 ao 96 por cento en 2009, 21 puntos máis. Segundo explica o Ministerio de Educación, España partía dun dato máis desfavorable (67,3 por cento en 2000), pero aumentou 24 puntos no mesmo período de tempo, alcanzado o 91,3 por cento de alumnos con computador na casa en 2009. Ademais, en 2009, o 91 por cento dos estudantes dos países analizados tiñan acceso a Internet na casa, mentres que en España esa porcentaxe era do 85,7 por cento, por encima de países como Xapón (81,5 por cento).

O estudo conclúe que algúns patróns xa observados na avaliación sobre comprensión lectora impresa repítense na dixital, como as diferenzas de xénero --as mozas superan aos mozos--, a influencia do marco socioeconómico dos participantes, e a relación entre a afección pola lectura e o rendemento.

España destaca por non presentar unha diferenza notable en lectura dixital (dous puntos) entre os estudantes nados en España e os inmigrantes de segunda xeración, mentres que na maioría dos países da OCDE esa distancia alcanza os 29 puntos.

Por último debemos indicar que o informe non nos permite, debido ao reducido da mostra, coñecer que resultados dos anteriores son aplicábeis a Galiza.