Obxectos Dixitais Educativos (ODE)

Os Obxectos Dixitais Educativos (ODE) son frecuentemente definidos como unha colección de obxectos de información ensamblada usando usando metadatos para corresponder ás necesidades e personalidade dun aprendiz en particular.
ODE

Os obxectos dixitais educativos, que tamén se coñecen co nome de Obxectos Dixitais de Aprendizaxe (ODA) son calquera elemento en formato dixital destinado a un proceso educativo. Tal como o definimos a denominación pode incluír desde aplicacións a vídeos e desde audio a textos multimedia, isto é, calquera recurso en formato dixital destinado á aprendizaxe. Como vemos, se non atendermos a outros elementos máis específicos do sistema de aprendizaxe, un ODE sería practicamente calquera elemento capaz de adoptar un formato dixital.

É preciso polo tanto precisar máis para nos referir aos ODEs, incluíndo para a súa caracterización outros criterios que debe cumprir. A Universidade Politécnica de Valencia ten establecido os seguintes:

 

  • Formato dixital: ten capacidade de actualización e/ou modificación constante; quer dicir, é utilizábel desde Internet e accesíbel a moitas persoas simultaneamente e desde distintos lugares.

  • Propósito pedagóxico: o obxectivo é asegurar un proceso de aprendizaxe satisfactorio. Eis a razón de que o ODE non inclúa só contidos senón que tamén debe guiar o propio proceso de aprendizado.

  • Contido interactivo: Implica que cada individuo (profesor/a ou alumna/o ten unha participación activa no intercambio de información. Para iso é necesario que o ODE inclúa actividades que permitan facilitar o proceso de asimilación e o seguimento do progreso de cada alumna/o.

  • É indivisíbel e independente de outros obxectos de aprendizaxe, de xeito que ten que ter sentido en si mesmo e non se poder descompor en partes máis pequenas.

  • É reutilizábel en contextos educativos distintos para o que foi deseñado, característica que fai que teña un valor. O feito de ser reutilizábel significa que os contidos non están contextualizados (cousa que se fai cando se lle dá un uso concreto) o que non significa que, ao elaborar o ODE non determinemos algúns posíbeis contextos de uso.

 

Sobre a orixe do concepto ODE hai que sinala a Wayne Hodgins cando observou, á altura de 1992, como o seu fillo xogaba coas pezas de Lego. Entón comprendeu a posibilidade de conceptualizar a aprendizaxe de igual forma, isto é, a través de pezas susceptíbeis de se ensamblar entre si. O concepto asociouse rapidamente ao ámbito TIC polas súas potencialidades de escalabilidade e crecemento. Desde ese momento ficou fixado o concepto que estaba plenamente asentado cara a fins da década de 90 ficando só pendentes algunhas conceptualizacións sobre estándares.