A veracidade da información na Internet

Unha das claves para contrastar a información é recorrer ás fontes orixinais. Adicarlle uns minutos a comprobar que unha afirmación é certa pódenos aforrar problemas derivados do uso de información falsa.
É fundamental acreditar a veracidade da información na Rede

 Na Rede podemos atopar distintos tipos de páxinas web, que van desde os blogues ou bitáculas, até webs institucionais de organismos, foros, correos electrónicos, etc. Está nas nosas mans, como usuarios e usuarias responsábeis, discenir unhas das outras e decatármonos de que o tipo de contidos que hai nelas poden non ter a mesma credibilidade.

Os medios oficiais: prensa e organismos
Podemos partir da base de que os medios oficiais terán contidos veraces e próximos á realidade. Así, como regra xeral, podemos tomalos como certos e utilizalos nas nosas procuras ou argumentacións.

Sen embargo, esta postura implica o risco de prescindir do espírito crítico e adoitar como verdade calquera información que proveña dun medio oficial, o que non debería ser, xa que lles confire unha autoridade demasiado grande.

Espazos web de interese socioeducativoMención aparte deberiamos facer, dentro dos medios pertencentes a organismos, das webs das universidades e colexios, xa que por regra xeral a información que conteñen é certa e publícase, de feito, para que sexa utilizada como referencia. Un bo exemplo atopámolo nunha iniciativa da Asociación Socio-Pedagóxica Galega por ofertar un bo número de recursos web que son catalogados baixo principios pedagóxicos. Esta iniciativa (Espazos web de interese socioeducativo) permítenos valorar os recursos e colaborar na súa catalogación e descrición aproveitando a intelixencia colectiva.

As enciclopedias online
Dentro destas hai que distinguir dous tipos de páxinas, as que teñen contido pechado e as suxeitas á participación de usuarios e usuarias (Wiki).

No caso das primeiras, aínda que se supón que deben ser medios de referencia, deberiamos ter en conta as advertencias sobre a tendencia ideolóxica que puder haber detrás, se ben por regra xeral podemos utilizalas como fonte fiable.

No caso das enciclopedias Wiki, ao ter contidos incorporados por usuarios anónimos (para nós) de xeito aberto, a información que nos brinda é, cando menos, cuestionábel (cando non directamente errada). A chamada “intelixencia global” pode ser útil a grandes trazos, mais tamén se pode converter en “mediocridade global” e conter imprecisións ou, directamente, erros graves de veracidade.

Por iso, o uso destas Wikipedias, se ben é aconsellable, debe ser levado a cabo con precaución e, sempre, contrastando a información que se obtén con outros medios, para comprobar a súa fiabilidade.

Blogues de referencia
Fóra dos medios oficiais ou de comunicación tradicional, dentro da propia Internet contamos con fontes de información con millóns de lectores diarios e que teñen tanto ou máis peso que os primeiros. Estamos a falar dos blogues de referencia.

A súa propia natureza de medio orixinario da Internet fai que distinguilos sexa complicado. Neste caso o único método fiable, ademais da “relevancia social” e da contrastación das novas que publican, é o sentido común.

Por outra banda, debemos falar tamén, para rematar este punto, dos coñecidos como “Confidenciais”. Trátanse de medios independentes, levados nalgún caso por xornalistas, que basean as súas novas en rumores ou informacións non contrastadas.

Sobre eles, comentar que se ben de cando en vez atinan (e non todos), na maior parte dos casos os seus contidos deben tomarse con moita cautela, cando non seren rexeitados como mentiras.

Blogs  persoais. Foros. Correo electrónico
Doutra banda, fóra dos medios fiables, contamos con distintas fontes de información nas que a nosa atención debe estar alerta.

Os máis estendidos e coñecidos son os blogues. Estas páxinas persoais contan, polo xeral, cunha temática determinada que fai que o que publican poida ter visos de veracidade, non sendo sempre así.

Por iso, toda a información que obteñamos destas fontes debe ser contrastada usando medios externos, tanto online coma offline, co obxectivo de procurarnos unha idea axeitada do fiable que poden ser os contidos que publican.

Outros medios de obter novas poden ser os foros. Estes, salvo en casos moi puntuais, non conteñen información axeitada para ter en conta como veraz sen pasar por unha investigación alternativa, polo que sempre debemos procurarnos fontes fiables que corroboren o que neles se publica.

Do mesmo xeito, os grupos de novas e a información recibida por correo electrónico debe seguir o mesmo patrón e ser sempre revisada polo miúdo, comparándoa cando sexa posible con outra sobre a mesma temática obtida en medios contrastados.

O noso consello
Exposto todo o anterior, indicamos algunhas das mellores maneiras para contrastar a información que obtemos da Internet e, así, poder utilizala para o noso traballo, como fonte de coñecemento.

  • O mellor dos métodos é, sempre, acudir ás fontes orixinais. Se algún blog ou web fai referencia ao que di un ou outro autor, non hai mellor xeito de confirmar que é certo que tomando un libro do mesmo. De todos os xeitos como isto non sempre é posible o seguinte paso é acudir a fontes contrastadas que traten o tema.
  • Neste sentido, ese mecanismo tamén nos vale para temas xerais, de forma que se pensamos que parte da información que lemos na Rede pode non ser certa, o mellor é achegarse a libros especializados ou páxinas web de universidades e colexios onde se traten temas semellantes.
  • Non debemos aforrar esforzos en procurar información en varias fontes. Un dos aspectos máis positivos que ten Internet é que nos permite realizar buscas rápidas e chegar a multitude de sitios en moi pouco tempo.
  • Adicar uns minutos a comprobar que unha afirmación concreta é certa pódenos aforrar moitos desgustos, así como problemas derivados do uso de información falsa.