Xestionar a nosa identidade dixital

Se ben é certo que Internet ofrece numerosas posibilidades tamén é certo que non existe unha cultura dixital.
Imaxe de redes sociais

A maioría das enquisas realizadas sobre usos na Internet indican que o 90% dos novos internautas considera que saben utilizar gran parte dos servizos que ofrece actualmente a Rede. Facebook, Skype, Flickr, Tuenti, Youtube, Wikipedia, Google Maps, Messenger, Amazon... son ferramentas coas que estamos familiarizados. Sen embargo as mesmas enquisas demostran que son moi poucos os que son conscientes das ameazas que se cernen sobre eles cando se conectan.

Somos consciente de que cando navegamos a través de diferentes páxinas web imos deixando un rastro?; con que ameazas nos podemos atopar?; son delitos os escarnios públicos e chantaxes sexuais a través da rede?; se temos un problema sabemos a onde acudir?; podemos enviar un correo electrónico indicando os nosos contrasinais?; é veraz a información que consultamos?...

Neste artigo imos ofrecerche información e pautas para xestionar a túa identidade dixital:

Que son as redes sociais?
As redes sociais son sitios web que facilitan o contacto e o intercambio de información entre persoas. Constitúen unha das grandes aportacións da Web 2.0 e están modificando a nosa forma de comunicarnos e relacionarnos cos demais.

As redes sociais (Facebook, Tuenti, Twitter, Hi-5, MySpace,Orkut, Skyrock...) incrementan as posibilidades de contacto e permiten subir á Internet todo tipo de material multimedia como comentarios, fotos, videos ou ligazóns para compartir cos nosos contactos.

O seu uso xeralizado xera dúbidas con respecto á privacidade. Como indica Howard Rheingold nas redes sociais “o elemento máis importante non é a tecnoloxía, senón as relacións humanas”.

Ten en conta que todo aquelo que subas ás redes sociais vai quedar almacenado e visible para un bo número de persoas.

Que é a identidade dixital?
A identidade dixital é unha representación de nós mesmos na Internet. É un retrato na Internet xerado por cada interacción que realizamos utilizando, por exemplo, o correo electrónico, escribindo nicknames, creando un blog, publicando comentarios, fotos ou videos. A suma destes trazos ofrece unha percepción sobre a nosa imaxe persoal na rede.

Ademais debemos valorar que na actualidade a socialización no mundo virtual é tan importante como no mundo físico.

Ten en conta que xestionar as ferramentas tecnolóxicas que usas e como as usas vai definir a túa presencia, visibilidade e reputación en Internet.

Que é o Phishing ou pesca?
A pesca (en inglés phishing) é unha modalidade de estafa por correo electrónico deseñada para acceder de xeito fraudulento ás nosas contas bancarias. Aínda que existen medidas preventivas, a usurpación e uso fraudulento da identidade son problemas comúns no mundo virtual. Son frecuentes os delitos ligados a falsas identidades.

Nunca indiques os datos confidenciais e números de identificación vinculados a contas bancarias, tarxetas de crédito... por correo electrónico. Poderías estar caendo nunha estafa dixital.

Ten en conta que as entidades bancarias nunca demandan información por correo electrónico.

Que é o CyberBulling ou acoso dixital?
O CyberBulling ou acoso dixital trátase dun tipo de agresións que poden variar dende as chamadas ameazantes ao teléfono móbil, mensaxes de texto, envío de material gráfico desagradable, ata a divulgación dalgunha foto ou filmación embarazosa.

Existen numerosas organizacións que se adican a identificar e denunciar aos agresores.

Ten en conta que en Internet tamén existe unha lexislación e que estas actuacións son delitos.