E-ducando, unha iniciativa da AS-PG

E-ducando é unha iniciativa que aborda a progresiva implantación da educación dixital facilitando un acceso óptimo e seguro das xeracións máis nova ás Tecnoloxías da Información e a Comunicación e, ao mesmo tempo, permitindo un maior coñecemento por parte do conxunto da Sociedade das súas potencialidades e perigos.
aspg.jpg

Dende a Asociación Socio-Pedagóxica Galega consideramos que un dos retos da educación do século XXI consiste na progresiva implantación da educación dixital, que permita un acceso óptimo e seguro das xeracións máis nova ás Tecnoloxías da Información e a Comunicación e, ao mesmo tempo, permita un maior coñecemento por parte do conxunto da Sociedade das súas potencialidades e perigos.

Un cambio necesario que ten que ver máis cos aspectos sociais que non tecnolóxicos.

Se reflexionamos sobre a evolución das Novas Tecnoloxías nos últimos anos decatarémonos que unha persoa, independentemente da súa idade, conectada ao ciberespazo pode realizar unha multitude de actividades: facer amigos, revisar a súa conta corrente, encontrar parella, pagar a contribución, debater sobre unha temática, xogar, escoitar a radio, comprar un billete de avión, poxar por un cómic, alugar un coche, descargar un podcast...

Se ben é certo que a Internet ofrece numerosas posibilidades tamén é certo que non existe unha cultura dixital. Somos conscientes de que cando navegamos imos deixando un rastro?, coñecemos as normas de comportamento existentes na Rede?, con que ameazas nos podemos atopar?, son delitos os escarnios públicos ou as chantaxes sexuais a través da Internet?, podemos enviar un correo electrónico indicando os nosos contrasinais?, é veraz a información que consultamos?...

En E-ducando imos incidir en achegar a realidade do Ciberespazo a todos e todas. O noso obxectivo vai máis alá de contar cun portal web senón que nos gustaría crear unha comunidade de usuarios e usuarias interesadas nesta temática, onde encontredes un lugar para comentar novas, participar en enquisas, acceder a cursos formativos, indicarnos as vosas suxestións e preocupación ou mesmo catalogar recursos dixitais que consideredes de interese.

You are missing some Flash content that should appear here! Perhaps your browser cannot display it, or maybe it did not initialize correctly.