O libro dixital

O libro dixital,nos seus diferentes formatos, vaise introducindo pouco a pouco, mais os títulos dispoñíbeis en galego son aínda moi escasos
Libro dixital

O desenvolvemento da industria do libro dixital en Estados Unidos está estreitamente vinculado ao liderado de tres grandes empresas: Amazon, Barnes & Nobre e Apple. En todas elas, o lanzamento dun dispositivo de lectura veu acompañado dunha ampla oferta de contidos accesíbel a través de tendas online propias. O lanzamento do iPad de Apple en abril de 2010 foi, sen dúbida, un factor dinamizador deste mercado, cun enorme alcance mediático a nivel mundial e con importantes repercusións para Amazon e Barnes & Nobre, cuxa competencia se viu intensificada desde entón.

O progresivo desenvolvemento técnico dos dispositivos lectores, que proporcionarán unha experiencia de lectura cada vez máis parecida á do libro impreso, o incremento na penetración de Internet en todas as áreas da vida, que está a modificar substancialmente os patróns de lectura e o comportamento lector, e a maior apertura do consumidor cara a novas tendencias tecnolóxicas, impulsarán este mercado, de xeito que a aposta pola edición dixital comeza a ser unha realidade, aínda que haberá que esperar aos resultados deste ano para comprobar o alcance real destes investimentos. Polo momento, os datos relativos a 2010 evidencian un notable incremento na edición de libros electrónicos en España, que alcanza o 45,6% respecto ao ano anterior: cun total de 18.221 títulos, o libro dixital supón xa 15,9% das obras rexistradas en 2010.Para moitos estados europeos, incluído España, 2010 foi o primeiro ano no que o consumidor tivo ao seu alcance unha oferta máis ou menos ampla de dispositivos lectores. Con todo, esta dispoñibilidade de aparellos non veu acompañada en paralelo por unha oferta de contidos suficientemente capaz de responder as necesidades do lector dixital e no mercado editorial galego a cantidade de títulos que podemos encontrar é, francamente, baixa.

Con data de abril de 2011, o Observatorio da Lectura e o Libro acaba de facer público o seu informe sobre a Situación actual e as perspectivas do libro dixital en España, onde se poden encontrar datos interesantes sobre a evolución deste produto.