Tablets en educación.

A presenza de dispositivos tipo tablet e o seu uso aumenta considerabelmente. Que posibilidades hai do seu uso no sistema educativo?

Durante a derradeira década foron varias as administracións educativas que apoiaron as iniciativas denominadas 1:1 (un computador para cada alumno e alumna). Con esas iniciativas queríase abordar o acceso do alumnado as 24 horas do día durante os sete días da semana a un dispositivo TIC, conexión a Internet a través da rede escolar e software educativo. Todo coa pretensión de adaptar e transformar a educación para se axustar mellor ás necesidades do coñecemento en rede.

Esa era a estratexia, mais, na práctica, eses obxectivos están lonxe de acadarse, polo menos entre nós onde o plan Abalar apenas ten incidencia nas aulas. Ora, a nivel tecnolóxico téñense dados avanzos moi importantes, especialmente coa chegada de algúns dispositivos tipo tablet (os TabletsPC) ou de dispositivos tácteis que fan que algúns gobernos comecen a pensar en integrar estes dispositivos nas aulas. O Ministério da Educação (MEC) do Brasil, por exemplo, vai distribuír tablets a escolas públicas a partir deste ano. No mesmo sentido, o goberno de Corea do Sur, vai investir 2.000 millóns de dólares nos próximos dous anos para darlles a todos os nenos e nenas da escola primaria tabletas gratuítas conectadas a Internet. Substituirá os contidos dos libros de texto por contidos dixitais multimedia e eliminará das escolas os libros en papel. O plan estenderase a todos os estudantes de secundaria en 2015.

A clave dos tablet radica en que o seu uso é completamente “natural” ao non termos que manexar rato para que as accións acontezan na pantalla, simplemente, as accións fanse sobre a pantalla. Doutra banda xa hai no mercado aparellos con autonomía enerxética suficiente e as grandes empresas do software traballan en sistemas operativos que se dirixen cara a este mercado, mais tamén as distribucións Linus, especialmente Unity, procuran dirixirse cara a dispositivos tácteis, marcando o camiño a seguir para as distribucións propias que fan algunhas administracións educativas. Na actualidade hai experiencias do uso de tablets en educación que convén analisar e ver con calma os seus resultados. Como elementos en contra do seu uso xogan, por agora, o seu elevado prezo e a compatibilidade coa grande cantidade de materiais educativos creados nos derradeiros anos. Até agora, para a introdución do modelo 1 a 1, a opción principal foi netbook ou miniportatil, debido á baixada de prezos destes dispositivos e á compatibilidade dos sistemas operativos co software educativo, tanto propietario como gratuíto. E hai iniciativas para crear un tablet para educación, software libre, propietario, etc… etc. Polo de hoxe, na Galiza, a introdución destes dispositivos no sistema educativo é ficción, mais polo menos poderemos perguntarnos: Débese tender á introdución de tablets no ensino ou manter os sistemas actuais de notebook?

Mentres procuran a resposta vexan este video:

Kno Movie from Kno, Inc. on Vimeo.