Comportamento na Internet
- Etiquetas:
- Temática:
Na Internet, ademais das regras de comportamento que se usan na vida real, contamos cunha serie de normas específicas que nos facilitan a comunicación e garanten o respecto entre as partes. Estas regras de comportamento coñécense como “Netiquette” ou “Netiqueta”.
Aínda que trataremos polo miúdo no curso formativo "Normas de comportamento na Internet" as diferentes normas segundo a ferramenta a empregar, suliñaremos agora os principais factores a ter en conta:
1. Uso correcto de maiúsculas. Na Rede, ao carecer de comunicación non verbal, o uso de escritura en maiúsculas interprétase coma un berro, de xeito que debemos evitar a publicación de textos con esa característica e procuraremos utilizar estas de forma correcta e cando correspondan.
2. Linguaxe SMS. Internet non é un móbil e non implica unha restrición de carácteres nas nosas mensaxes, polo que evitaremos o uso da linguaxe SMS sempre.
3. Corrección ortográfica. As nosas mensaxes deben ser claras e estar correctamente escritas para garantir a súa lexibilidade por parte dos receptores. Agás erro, debemos procurar unha boa redacción e unha correcta ortografía nos nosos escritos. Ademais, debemos absternos de utilizar cores e fontes tipográficas que poidan dificultar a lectura.
4. Respecto polos interlocutores. Aínda que ás veces se nos poida esquecer, ao outro lado temos persoas coma nós que nos len, polo que hai que tratalas como tales, brindándolles respecto e poñéndonos no seu lugar para tratar de entender as súas opinións.
5. Adecuación ao contexto. A Internet é moi grande e nela podemos atopar multitude de temas e opinións. Debemos coñecer e adaptarnos aos temas que se tratan nunha comunicación determinada antes de publicar a nosa opinión, de xeito que esta sexa acorde aos asuntos que se estean a tratar e non rompan co diálogo.
Non é de boa educación que se os usuarios están a falar dun tema concreto nós publiquemos a nosa opinión sobre outro que nada ten que ver.
- Inicie sesión para enviar comentarios
- 2637 lecturas
-