TIC: a necesidade dun uso de calidade

Hoxe podemos comprobar como o acceso á tecnoloxía é un feito que podemos considerar un fenómeno de masas. As diferenzas virán dadas polas finalidades e natureza do uso destas tecnoloxías.
venus.jpeg

 Os datos estatísticos dos últimos anos testemuñan un notable incremento na dispoñibilidade da telefonía móbil, no acceso ás computadoras e Internet ou nos servizos de televisión dixital. Mais unha cousa é a utilización das tecnoloxías/máquinas e outra ben distinta é un uso intelixente e culto da información e comunicación a través das mesmas. Son moitas as opinións que acreditan en que será aí onde radicarán, nun futuro moi próximo, as diferenzas e desigualdades sociais ante a tecnoloxía: non no acceso e dispoñibilidade das mesmas, senón na calidade de uso. O mercado está a encargarse de facelas dispoñibles e cada vez son máis baratas, alcanzables e de fácil manexo.

Entre todas estas opinións mencionamos a do profesor Manuel Area que, recentemente, nunha coferencia nas 19ª Xornadas sobre Bibliotecas Escolares que organiza a Fundación Germán Sánchez Ruipérez desenvolveu unha conferencia titulada Do coñecemento sólido á cultura líquida: novas alfabetizacións ante a Web 2.0 onde expuxo as súas ideas ao redor da alfabetización da cidadanía ante a cultura dixital que está a expandir a Web 2.0 xogando coa metáfora de tránsito dunha cultura sólida a unha experiencia cultural líquida.

Afirma nese texto que, as diferenzas virán dadas polas finalidades e natureza do uso destas tecnoloxías. Aqueles grupos sociais con alto nivel formativo empregaranas con fins vinculados coa intelixencia e coñecemento colectivo. O acceso á tecnoloxía por parte dos individuos e grupos sociais sen a formación adecuada levará a usos mecánicos ou carentes de relevancia cultural, o que provocará que os mesmos sexan máis vulnerábeis á dependencia tecnolóxica. Sen coñecemento adecuado o suxeito non desenvolverá unha apropiación significativa e valiosa das ferramentas dixitais estando, en consecuencia, supeditado a ser manipulado por intereses alleos ás súas necesidades. O individuo que manexa distintas ferramentas dixitais, pero sen a suficiente capacidade crítica tenderá a realizar un uso consumista e seguramente sexa un suxeito alienado e dependente da tecnoloxía.